viernes, 4 de mayo de 2012

QUE FIXEMOS E ESTAMOS A FACER NESTE CURSO?

   Este é o segundo curso no que estamos a traballar no horto escolar. Neste curso consolidamos o proxecto. Desta vez cubrimos gran parte do terreo con malla antiherba, extendemos o rego por goteo por outras zonas do patio do colexio, estamos a probar novos cultivos que non olatáramos o curso pasado (berenxenas, pementos de Arnoia, acelgas ou apio) e voltaremos intentalo con algunhas sementes que non se nos deran ben (millo do de facer flocos, pipas de xirasol) .
   Ademais de traballar no horto puxemos algún recuncho máis de plantas aromáticas (con novas plantas como lavanda, romeu, ruda e loureiro), preparamos o corredor que está detrás do edificio vello para que medren diferentes plantas con flor e imos instalar unha billa ao carón do horto. desde o traballo directo na terra sementando, plantando e coidándoa, ata traballos de investigación sobre as plantas que temos plantado, tanto hortalizas como plantas aromáticas e plantas con flor. Tamén plantamos leitugas, fresas, allos, cebolas, porros e patacas, e imos plantar cogombro, tomates, leituga de folla de carballo, millo, pipas de xirasol, chícharos, cabaciña, cabaza). Tamén completamos as nosas necesidades de ferramentas e complementos (xa temos botas suficientes de diferentes números para os rapaces).
   Durante o terceiro trimestre aínda temos prevista a realización dunha exposición sobre as diferentes plantas que temos no colexio, traballo ao que se están dedicando todas as aulas do colexio. Este ano estreamos o blog do noso horto e, así mesmo comezamos a colaborar na páxina web do Centro.
   En outubro se fixeron as labores previas de preparación do terreo do horto, traballo que este curso levou a cabo a familia de Tania, alumna de 6º, moitas grazas! O horto ocupa este curso algo máis duns 100 m2, cun pequeno incremento con respecto ao curso pasado. Ao carón do horto dispoñemos de dous composteiros. Neste curso xa puidemos utilizar compost propio para abonar o terreo.
   Unha parte das plantas criámolas nas aulas; cada aula encárgase dun viveiro xunto coas sementes que lle corresponden. Pasado o tempo preciso, plántanas no horto. Trátase de que todos os alumnos e alumnas poidan ver o proceso desde a xerminación dunha semente ata a planta madura xa lista para consumir. No terreo traballou todo o alumnado do Centro, cada nivel segundo as súas posibilidades. Unha vez no terreo a maioría das hortalizas están indo adiante. Algunhas precisaron protección adicional, especialmente contra as xeadas, que este ano tivemos en abundancia. Ás plantas máis sensibles, como as leitugas, puxémoslles manta térmica, con moi bos resultados.

   CALENDARIO DE ACTIVIDADES NESTE CURSO

   A mediados de novembro preparamos o terreo da horta. Tivemos a colaboración da familia dunha alumna de 6º, que veu cun monocultor e nos preparou o terreo. Uns días máis adiante fixemos a nosa primeira compra: tomas, tubo e billa para instalar ao carón do horto, malla anti-herba, terra e sementes. Comezamos en outubro por sementar sementes de grelos e acelgas en dous cadros do terreo previamente preparados. . A mediados de outubro puxemos a malla anti-herba no terreo de cultivo, agás onde temos plantados os grelos e as acelgas. Tamén en outubro recollemos as pipas dos xirasois que plantáramos no curso pasado. Neste mes comezaron a plantar; os alumnos e alumnas de 5º e 6º plantaron leituga de inverno e recolleron sementes de caraveis indios para plantar na próxima primavera. Algúns días despois puxemos carteis diante das diferentes hortalizas plantas aromáticas, incluíndo foto, nome común e nome científico. En novembro, os nenos e nenas das aulas de Infantil plantaron allos nos viveiros; estes quedaron ao coidado deles nas súas aulas para unhas semanas máis tardes levalas a plantar no horto. Ao día seguinte os alumnos e alumnas de 4º plantaron os repolos e coliflores que aínda ficaban sen plantar (finalmente temos 40 plantas deste tipo). Días máis tarde tocoulle a quenda a un dos espazos ocupados por plantas aromáticas; neste caso engadimos abono do noso composteiro e terra. O mes de novembro finalizou, no que ao horto se refire, cunha revisión de todo o plantando, verificando que cada pe estivese a unha profundidade suficiente, e coa posta da manta térmica sobre as leitugas. Tamén se plantou no recuncho das aromáticas ruda e se cambiou de lugar a menta.
   En decembro plantamos algunhas plantas novas: loureiro, madreselva e santolina. Así mesmo fixamos a malla anti-herba con ganchos de ferro e traballamos o terreo onde están as acelgas e o recuncho das aromáticas.
   En xaneiro mercamos botas novas, números 25 e 27, e os alumnos e alumnas de Infantil plantaron os allos que medraran nos viveiros das aulas. Días máis tarde, os alumnos e alumnas de 5º e 6º plantaron fresas.
   En febreiro puxemos a malla anti-herba na parte de atrás do colexio (40 metros), puxemos tubos de rego por goteo no horto e plantamos roseiras no corredor traseiro do patio.
   En marzo comezamos poñendo tubo de rego por goteo nunha zona axardinada, xunto ao parque infantil, onde temos plantas aromáticas e ornamentais, das que plantamos algunha máis. Unha semana despois os alumnos e as alumnas de 2º foron plantar patacas; ademais viron o compost recén saído do composteiro, e do que engadimos un pouco nos sucos nos que plantamos. Tamén viron as plantas aromáticas, coñecendo os seus nomes e os seus usos máis comúns. Nesta semana tamén preparamos un viveiro con sementes de berenxenas e outro de leitugas de folla de carballo, que quedaron ao coidado dos alumnos e alumnas de 1º e 2º respectivamente. As zonas de plantas aromáticas reciben un coidado periódico, que na última ocasión supuxo engadir terra e abono, limpar doutras herbas ventureiras e delimitar mellor os espazos, desta vez con pedras. Tamén desta vez preparamos un viveiro con sementes de cogombro, que quedou ao coidado dos alumnos e alumnas de 3º.
   En abril comezamos plantando unha planta de framboesa e outro falso xasmín, limpamos de malas herbas o corredor verde traseiro do patio e comprobamos que estaban a medrar sen dificultade as plantas que hai alí (falsos xasmíns, hortensias, roseiras...). Neste mes tamén plantamos pementos de Arnoia e berenxenas. Pero, naturalmente, as actividades no horto non finalizan cando teñamos entregada esta memoria (o traballo no horto non remata nunca!), senón que imos seguir plantando; proximamente tocaralle a quenda aos tomates, o apio, novos tipos de leituga, os chícharos, as cenorias, as xudías, o millo para facer flocos de millo, o cabaciña, a cabaza e o xirasol e, naturalmente ir facendo recolleita das hortalizas que se vaian dando. Por suposto, non foi todo adiante e, ademais, fóronse presentando, como non, algúns problemas.       
   Un dos problemas máis importantes foi que se nos perdeu o programador do rego por goteo; ao final o caso rematou ben porque puido arranxarse , aínda que non puidemos gozar ultimamente do seu servizo porque afortunadamente estivo a chover case todo o mes de abril. Tamén volvemos ter problemas con algúns viveiros e algunhas sementes non foron adiante (por exemplo, as berenxenas, polo que ao final optamos por mercar algunhas plantas, e tampouco parece que os cogombros vaian adiante).

No hay comentarios:

Publicar un comentario